Aínda non tiven tempo de descargar as fotos da Xuntanza e estou demasiado canso para andar colgando fotos e recortes de prensa, pero estarán aquí dentro de pouco. Hoxe necesito o día para descansar.
Onte, na recollida, compartín con varios blogueiros e cos compañeiros da Asociación a sensación común dunha xornada leda, entrañable, feliz, entre amigos. Houbo momentos dunha calidez extraordinaria, fermosas e sabias palabras que lle deron sentido á Xuntanza.
En Agolada gardarémola no álbum principal da memoria colectiva. Se chegamos alá, ¡que fermoso sería volvernos xuntar cos Pendellos restaurados e darnos de novo as apertas ante a eclosión da pedra dignificada.
Grazas a todos por depararnos tanta felicidade condensada, aos blogueiros, aos músicos (Bico da Balouta, os nenos da Charanga da Banda, Maruxa, Marcos, Ana Belén Chao, Almudena, Blanca Bello, Daniel Sousa), aos amigos dos Pendellos, aos lectores fieis como Cuco de Pambre e Berta García Sexto, Nilo, Gonzalo, Cabanelas, aos veciños de Agolada que nos acompañastes, ao Concello de Agolada que colaborou na intendencia do evento, aos periodistas que sempre nos prestan atención e con ela refrendan o noso labor. GRAZAS.
Temos que lamentar tres ausencias moi sentidas: a de VANESSA DE SANTISO, que escolleu o día menos indicado para enfermar, e as de OLALLA SÁNCHEZ e a de SUSO LISTA, que na última hora, por diferentes razóns, non puideron acudir.
Agolada, 2008
domingo 1 de junio de 2008
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)

6 comentarios:
Pois eu teño que dicir que tamén hei gardar no cartafol principal da miña memoria a xornada que entre todos tecemos e que Agolada nos brindou.
Debedes sentirvos ben orgullosos da Asociación á que pertencedes, da empresa que vos motiva e dos resultados que, como onte, facedes posibles.
Foi un verdadeiro pracer cada intre vivido; dende o cafe da mañán os que chegamos máis cediño ata os acordes da guitarra de Almudena e o violín de Blanca e da voz sempre cercana de Maruxa.
E non podo rematar sin nomear a cálida humanidade, as atinadas palabras, e mailo excelente "savoir faire" do mestre Xosé Vázquez Pintor.
As case doce horas que pasei onte en Agolada pasaron como un lóstrego. Foi todo un luxo.
Graciñas por este magnífico agasallo.
Concordo co que se ven dicindo da Xuntanza. Magnífica a valoración de Xosi.
E completando o comentario que me precede, dicir que un dos moitos agasallos do día foi coñecer a "Chousa da Alcandra".
Unha aperta a todos.
Para mi, cas presas da noite, - acabo de chegar de Ferrol, e sen tempo case que para nada, teño que preparme para maña- so teño que decir, que foi un verdadeiro pracer coñecervos a todos vos. A pesarem das dificultades, do cansancio do dia anterior, despois de pasar toda a noite, (deiteime as cinco da maña, por mor dos rapaces de meu equipiño de futbol sala, que tiñan maraton este fin de sema, e tamen mereren a miña consideracion, cariño e atenciòn, por riba de todo), a pesar da incertudumbre polo descoñecido, e o que podia pasar, e o tempo inestable....Foi unha maravilla falar con cada un de vos, e escoitarvos.
Magoa non ter mais horas, para falar todo xuntos, diante dunha taciña de café...e escoitar as vosas fantasias, anecdotas, historias, poemas.....as vosas vidas e vivencias.
Grazas a todos e cada un de vos por deixarnos compartir eso, o voso mudno interior y reitero o que dixen nos pendellos. NON E CERTO EN ABSOLUTO QUE A XENTE DOS BLOGS, SEXA INTROVERTIDA, TIMIDA, AILLADA NO SEU PROPIO MUNDO,,,,,para nada ¿Verdade?.
Xa falaremos, polo miudo mais adiante.
Bicos e apertas sempre.
Ola Manuel:
Felicítovos de novo polo bo día que pasei o sábado.
Poñóvos un enlace a miña pequena contribución a difundir o bo traballo que estades a realizar.
http://turismodepontevedra.blogspot.com/2008/06/xuntanza-en-agolada-feria-de-palabras.html
Como vexo que segues a ter problemas co enlace a nosa páxina web póñocha tal cual para que a poidas incluir no lateral:
turismodepontevedra.blogspot.com
un saúdo,
Marcos
Tratando de superar a timidez que me caracteriza e que no meu caso multiplícase sobre a predicada por algúns de vós durante a pasada xornada, non podo deixar pasar esta oportunidade para dar as grazas a todos, xa que se nun primeiro momento cando me propuxeron acudir á XUNTANZA dubidei de se aquel sería o meu sitio, calquera dúbida desvaneceuse dende o mesmo instante do primeiro café da mañá. Foi curioso, non me sentín en ningún momento diferente, cando nin teño blog, aínda que si recoñezo que vos leo a todos a pesar de que non vos deixe comentarios, non son nada amante da informática e non falo habitualmente en galego -pensando que iso me dificultaría a comunicación-, e con todo, a atmosfera creada ao encontrarme persoalmente logo de coñecervos polos vosos relatos, a musica, o marco incomparable dos pendellos cativoume e as horas pasadas parecéronme minutos.
Grazas a todos e en especial a ti Busto que espertachesme agarimo por esa terra, que en definitiva tamén é a miña por vínculos de sangue.
Ata sempre.
BERTA
Publicar un comentario en la entrada